O dinamismo da economía social e a resiliencia que demostra “ante situacións de escaseza de materias primas e de crises” foron dúas das virtudes deste modelo económico que destacou na súa intervención ante numerosos estudantes da Facultade de Económicas a directora xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca.
Na Semana Universitaria dedicada á Economía Social o presidente do Foro pola Economía Social Galega, Celso Gándara, destacou “os principios e valores que nos fan diferentes” e subliñou a importancia destas empresas “centradas nas persoas”. Gándara puxo en valor o impacto socioeconómico da economía social e o seu crecemento inclusivo, “ademais da súa capacidade de xerar actividade, emprego e oferta de servizos crave nas zonas rurais”.
O presidente do Foro explicou aos estudantes que a economía social é unha oportunidade para os universitarios por ser un sector no que emprender, creando cooperativas ou sociedades laborais ou como profesional contratado polas empresas do sector: “Ofrecemos empregos de calidade”, sinalou.
Nesta liña, Gándara falou de catro experiencias de economía social en Galicia; Bico de Xeado, unha cooperativa que produce e vende xeados, dando valor engadido a un produto tan noso como é o leite; Dehistoria, unha experiencia de autoemprego a través dunha sociedade laboral que se dedica a por en valor a investigación histórica a través de diferentes aplicacións; Coregal, unha empresa que xera emprego entre as persoas con discapacidade centrada na xestión de residuos, fundamentalmente, papel e plástico. E por último, Arroupa, unha empresa que xestiona a recollida e valorización do téxtil como fórmula para que as persoas en situación de exclusión poidan acceder a unha formación.